Biografies lingüístiques

Textos per a la sostenibilitat lingüística

Oct 08 2008

Unha biografía lingüística… e algo “máis”.

Posted in General |

Pois ben, a miña biografía lingüística comeza co Castelán e co Galego, que son as miñas dúas linguas maternas nas que fun educado dende pequeno e nas cales, polo tanto, son capaz de expresarme en tódolos ámbitos.

A partires dos cinco anos comecei a asistir (máis por obriga que por gusto) a clases de Inglés nunha academia especializada nesta lingua. Así foi como pouco a pouco fun adquirindo competencia na miña primeira lingua estranxeira.

A miña experiencia nesta aprendizaxe dime que cando chegas a un punto no que máis ou menos podes expresarte, todo se fai moitísimo máis ameno e comezas a usar a lingua todo o que podes. Grazas a esta aprendizaxe tiven xa nos meus 17 anos a oportunidade de facer viaxes de idiomas a países como Inglaterra, Irlanda e Canadá, así como visitar coma turista algún outro país europeo. Son consciente de que non habería aproveitado todas estas viaxes se non tivese ese coñecemento do Inglés. Nelas tiven a oportunidade de ter contacto con outras culturas. No primeiro, que foi a Irlanda nos meus 15 anos fixen amigos da China, do Xapón e de Alemaña, cos que aínda hoxe teño contacto. Este contacto implica unha serie de intercambio de opinións e de costumes moi contrastadas e que teñen un valor incalculable. A cultura que máis me gustou coñecer polas súas diferenzas foi a Árabe, ao ter como compañeiro en Canada a un rapaz de Arabia Saudí.

A parte de todo este abraiante intercambio sociocultural, sobre todo ao principio da viaxe, as situacións obríganche a desenvolver outras capacidades como a autonomía persoal e, unha moi importante, a capacidade comunicativa máis alá do que é a lingua. Cando non sabes algunha palabra sempre intentas expresalo con xestos, sons… xeitos de comunicación non verbal que ao mesmo tempo están a axudarte co proceso de aprendizaxe da lingua. Este me parece un tema moi interesante.

Por todos estes motivos penso que viaxar a países onde se fala de xeito nativo a lingua que queres aprender é fundamental. Non só pola competencia linguística se non tamén pola cultural. Axuda a que coñezas a relación lingua – cultura que sempre se produce. E no caso de España aínda máis. Non teño ningunha dúbida de que, por moito en que se emperren algúns en negalo, a cultura galega ten moito que ver co noso idioma, así como a cultura vasca ten moito que ver co idioma Vasco e o Catalán coa cultura catalá. Polo tanto opino que non é o mesmo ser competente lingüisticamente que culturalmente, aínda que tampouco o considero obrigatorio. Podes aprender unha lingua (por necesidade ou pracer) e non introducirte na súa cultura polas razóns que consideres oportunas.

Seguindo a miña biografía linguística, todas estas viaxes impulsadas polo inglés leváronme a interesarme por outras linguas como pode ser o Xaponés ou o Chinés, dos que teño tamén coñecementos básicos. E todo isto axudoume a que agora, ao trasladarme a Cataluña, o “shock” que se produce ao ter cambios significativos na túa rutina (cambiar de Castelán a Catalán, o cambio de costumes…) me afecten moito menos e que incluso me cheguen a gustar. Isto é fundamental, o estar cómodos nunha cultura. O ver mundo sempre fai que te adaptes moito máis rapidamente a diversos tipos de situacións.

No futuro gustaríame viaxar máis. Pero con outro concepto totalmente distinto ao que se entende por viaxar. Xa vin moita Europa e moita América do norte. Demasiadas similitudes. Agora toca ver a outra cara da moeda. Que pode que faga chorar, ou que faga tristura, pero como lle escoitei a un profesor meu, non só quero viaxar para aprender, se non tamén para “desaprender”.

Un pracer compartir convosco.


This entry was posted on Dimecres, 8 Octubre, 2008 at 13:37 and is filed under General. You can follow any responses to this entry through the feed. You can leave a response, or trackback from your own site.

Deixa un comentari

Si us plau, demostra que no ets un robot * Time limit is exhausted. Please reload the CAPTCHA.